Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Setembro 2025.

12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de xuño

    Nova entrega da campaña de sensibilización do Gabinete de Igualdade de CCOO de Galicia.

    09/06/2025.
    Definicións do mes de febreiro da campaña '12 meses pola igualdade'

    Definicións do mes de febreiro da campaña '12 meses pola igualdade'

    Os dereitos humanos deben ser unha realidade máis aló da lexislación, de xeito que a orientación sexual, a identidade sexual, a expresión de xénero, as características sexuais e a diversidade familiar podan vivirse en liberdade. Así, tampouco no eido laboral deberían supoñer ningunha traba, desigualdade ou discriminación.

    A lexislación, xunto coa FELGTBI+ (Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuais, Intersexuais e máis) achegan unhas definicións claras dos distintos conceptos referidos ás diversidades sexo-xenéricas: 

    ORIENTACIÓN SEXUAL

    “Atracción física, sexual ou afectiva cara a unha persoa. A orientación sexual pode ser heterosexual, cando se sente atracción física, sexual ou afectiva unicamente por persoas de distinto sexo; homosexual, cando se sente atracción física, sexual ou afectiva unicamente por persoas do mesmo sexo; ou bisexual, cando se sente atracción física, sexual ou afectiva por persoas de diferentes sexos, non necesariamente ao mesmo tempo, da mesma maneira, no mesmo grao nin coa mesma intensidade.

    As persoas homosexuais poden ser gais, se son homes, ou lesbianas, se son mulleres”.

    IDENTIDADE SEXUAL

    “Vivencia interna e individual do sexo tal e como cada persoa a sente e autodefine, que pode ou non corresponder co sexo asignado ao nacer”.

    EXPRESIÓN DE XÉNERO

    “Manifestación que cada persoa fai da súa identidade sexual”. Trátase da manifestación do xénero a través de estratexias de comportamento e aparencia. Así, esta expresión non ten que coincidir necesariamente coa orientación sexual ou coa identidade de xénero. 

    IDENTIDADE DE XÉNERO

    Vivencia interna e individual, dinámica e non necesariamente continua, de como cada persoa se identifica e autodefine, incluíndo a experiencia corporal. Esta pode corresponder ou non co xénero asignado ao nacer.

    INTERSEXUALIDADE

    “Condición daquelas persoas nadas cunhas características biolóxicas, anatómicas ou fisiolóxicas, unha anatomía sexual, uns órganos reprodutivos ou un patrón cromosómico que non se corresponden coas nocións socialmente establecidas dos corpos masculinos ou femininos”.

    PERSOA TRANS

    “Persoa cuxa identidade sexual non se corresponde co sexo asignado ao nacer”. 

    Se a identidade de xénero non se corresponde co xénero asignado ao nacer, falamos de persoas trans. O recoñecemento das persoas trans baséase na súa identidade de xénero, con independencia de se se someteron a unha cirurxía ou a outro tratamento médico.

    É este un concepto “paraugas” que reúne todas aquelas identidades de xénero que non coinciden co xénero asignado ao nacer (persoas trans, non binarias, xénero fluído, axénero e outras experiencias).

    CARACTERÍSTICAS SEXUAIS

    Conxunto de elementos sexuantes (xenéticos, hormonais e anatómicos) sobre os cales se establecen distincións e estándares científicos e culturais nos corpos.

    FAMILIA LGTBI+

    “Aquela na cal un ou máis dos seus integrantes son persoas LGTBI, englobándose dentro delas as familias homoparentais, é dicir, as compostas por persoas lesbianas, gais ou bisexuais con descendentes menores de idade que se atopen de forma estable baixo garda, tutela ou patria potestade, ou con descendentes maiores de idade con discapacidade a cargo”.